Sunday 28 de April de 2024

Arredor de 390 desempregados ampliarán as súas expectativas laborais grazas aos cursos de formación na área de Bergantiños-Costa da Morte


O delegado territorial presentou os cursos que terán lugar na provincia e concretamente na comarca de Bergantiños-Costa da Morte investirase máis dun millón de euros en 26 accións formativas
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, presentou esta mañá en rolda de prensa os cursos de formación AFD (Accións Formativas dirixidas prioritariamente a desempregados) que se desenvolverán nos vindeiros meses na provincia. En total, na Coruña impartiranse, a través do Plan galego de formación 2019/2020, 281 cursos AFD, nos que poderán participar máis de 4.215 persoas que ampliarán a súa formación, e que ao remate recibirán os seus correspondentes certificados de profesionalidade, con validez en toda España.

Estas accións teñen lugar en centros homologados, que poden ser tanto empresas como concellos e entidades sen ánimo de lucro. Ovidio Rodeiro sinalou que “a través deste programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá na provincia coruñesa máis de 11,8 millóns de euros”.

Os alumnos que participen nestes cursos tamén teñen dereito, sempre que cumpran uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais. Estas achegas o ano pasado ascenderon na provincia a máis de 4 millóns de euros.

O delegado territorial destacou que na área de Bergantiños-Costa da Morte impartiranse 26 cursos para formar a 390 alumnos cun investimento que supera o millón de euros. Estes cursos celebraranse na súa maioría en empresas e entidades sen ánimo de lucro e 3 deles no concello de Carballo. Os organizadores ofertarán accións formativas nos principais sectores da economía, primando a formación no eido do naval, a automoción, a edificación e obra civil, así como competencias clave e dixitais.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais, poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades laborais.

Esta iniciativa, que se enmarca na Axenda 20 para o Emprego, conta co obxectivo de seguir incrementando a ocupabilidade das persoas sen un traballo, facilitándolles o seu acceso ao mercado laboral, ao tempo que se dota a Galicia dun capital humano máis formado de acordo ás necesidades reais das empresas. A convocatoria destes cursos é plurianual (2019-2020), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa e, polo tanto, lógrase unha maior empregabilidade dos alumnos.

Así, os interesados poderán solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. Tamén terán posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

Inserción media do 60%
A Xunta continúa impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, Así, nas últimas edicións alcanzouse un grao de inserción de preto do 60% e deles, 2 de cada 3, conseguírono nos seis primeiros meses tras a finalización do curso.

Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.